Friday 26 de April de 2024

O concello proxecta a ampliación da calzada de Montemaior que comunica a DP-2404 con Santa Margarida


A estrada obxecto da intervención discorre polos núcleos de A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste.

O Concello ten proxectada a ampliación da estrada municipal de Montemaior que comunica a vía provincial DP-2404 co núcleo de Santa Margarida pasando por A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste.

Trátase dunha actuación valorada en aproximadamente 300.000 euros, que daría continuidade ás realizadas nos últimos anos noutros tramos da mesma estrada e que supuxeron unha mellora substancial das comunicacións viarias nesa parte da parroquia.

Con esta finalidade o Concello ten consignada no orzamento municipal deste ano unha partida de 62.594,34 euros para financiar a adquisición dos terreos afectados por ditas obras.

O proxecto de expropiación, cuxos trámites para a aprobación inicial serán iniciados polo Concello nos próximos días, inclúe un total de sesenta e cinco parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico e solo de núcleo rural tradicional.

Unha vez completado o proceso de expropiación e os terreos sexan de titularidade pública, o Concello estará en disposición de iniciar o procedemento de contratación do proxecto de mellora da estrada.